terras de iria 2009

EDICIÓN 2008

Seleccionados XI Premio de pintura Terras de Iria, edición 2008

Premiados XI Premio de pintura Terras de Iria, edición 2008

Os Concellos de Padrón, Rois e Dodro, e a empresa Aluminios Cortizo SA, organizan e patrocinan o Premio de Pintura Terras de Iria cuxo obxectivo é apoiar, achegar e promover a pintura actual e os artistas.
O desenvolvemento da edición 2008 derivou nunha alta participación e diversidade, froito da modernización coas novas tecnoloxías e a comunicación. Artistas procedentes do territorio nacional e do ámbito internacional contribuíron a formar unha visión heteroxénea da creación artística a través do certame.
Os membros do xurado foron os artífices de conceptualizar esa heteroxeneidade coa súa profesionalidade e criterio, e trasladar, a través desta mostra de seleccionados, un fiel espello da contemporaneiade pictórica.
Cabe citar as palabras de Xosé Manuel Lens na presentación da exposición que se inclúe no catálogo:
Non existe un tempo preciso que mire e retrate o novo espazo da pintura actual, aquela que se distribúe nun panorama contemporáneo, aberto e heteroxéneo. A relación de propostas que se seleccionan neste certame do Premio de pintura Terras de Iria (edición 2008) permite achegarse á paisaxe pictórica nun amplo número de vertentes e tendencias, unha pluralidade de correspondencias e identificacións, de puntos de fugas nas temáticas habituais, de perspectivas críticas no retrato do cotián. Deste xeito, os diversos autores conforman un retrato aberto e permeable dun proxecto de pintura, pendente do seu tempo, atento ás novas realidades, demandando preguntas técnicas e interrogando un territorio plural. Permeable.
(Extracto de PINTURA: LADOS, CRÍTICAS E PUNTOS DE FUGA. Xosé Manuel Lens. Texto para catálogo XI Premio de pintura Terras de Iria)

O acordo unánime da calidade das obras e a formulación de conter diversas naturezas equilibran esta coidada selección e exposición cuxos artistas participantes foron os seguintes:

JOAQUÍN ARTIME, PAZ AYMERICH LOBO, RONDA BAUTISTA, MANUEL BOUZO, MANUEL BUSTO, DAVID D’LORUÍZ, SUSO FANDIÑO, JOSETXU F CÁRCAMO, PABLO FDEZ-PUJOL ALGARÍN , EMILIO FORNIELES, NORBERTO GIL, SANTIAGO LOBO, CARLOS MACIÁ, CORAL MARTÍNEZ ZARAGOZA, JOSEBA MURUZÁBAL PÉREZ, KLAUS OHNSMANN, JESÚS PEREA MORENO, ANA PÉREZ VENTURA, ARTURO REBOIRAS, CARMEN RIVAS, LUÍS ROMERO, ANDRÉS SANDOVAL IGLESIAS, JESÚS SUSILLA, CORA VIDAL FERNÁNDEZ, FERNANDO YÁÑEZ
COMARCALES:
MATILDE ALLONES, ANA MARÍA CAMPOS GÓMEZ, RAQUEL CARVALHO, ALBERTO VILLAMARÍN

Vinte e cinco artistas seleccionados e catro no apartado comarcal integraron a exposición que acolleu o Convento do Carme de Padrón nun singular marco de arcos, fornelas e pedra que exaltan, neste caso, a pintura.

Premiados edición 2008

O artista compostelán Suso Fandiño foi o gañador do primeiro premio XI Premio de Pintura Terras de Iria, edición 2008. Suso Fandiño (Santiago de Compostela, 1971) presentou Objetos y acciones de placer nha obra de 180 x 150 cm realizada en óleo sobre lenzo. Xosé Manuel Lens, autor do texto de presentación do catálogo do certame e membro do xurado, describe "esa cotianeidade que Suso Fandiño investiga no estudo da adolescencia, non exento de ironía, dun territorio de pintura que non evita referencias pops, en narrativas rodeadas de singularidade e aparente excelencia:Objetos y acciones de placer. Tan real como impactante".
Suso Fandiño é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo (Especialidade de Escultura) e Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (Especialidade de Historia da Arte Moderna e Contemporánea)

O xurado outorgou a Klaus Oshnmann (Mannheim (Alemaña), 1962) o segundo premio dotado con 3000 euros. Gran Vía foi a obra a concurso deste artista que actualmente reside en Sintra (Portugal). Unha peza de 110 x 180 cm na que utilizou unha técnica de acrílico e aerógrafo sobre metacrilato e aluminio. A obra capta unha paisaxe urbana, recoñecida, en veladura sutil e fráxil.
En 1986, Klaus Oshnmann trasládase a España e se diploma como deseñador de interiores en IADE de Madrid. Realiza murais de grandes dimensións en institucións públicas e privadas. Indaga e estuda Investigación con novos materiais, para a creación artística.

No apartado Comarca do Sar, Ana María Campos Gómez (Rois, 1973) alzouse coa mención especial comarcal dotada con 1.000 euros. Presentou un óleo sobre lenzo de 97 x 90 cm titulado O ciclo.
Lúa, como a coñecen os seus amigos, defínese como grande afeccionada ao debuxo e á pintura e proxecta abrirse no camiño das exposicións. Formación autodidacta.


Os Concellos de Padrón, Rois y Dodro, e a empresa Aluminios Cortizo SA patrocinan e convocan o Premio de pintura Terras de Iria (antes Comarca do Sar), edición 2010

Aberto o prazo de inscrición previa ata o 21 de abril do 2010



© Premio de pintura Terras de Iria